| 14 de abril día da República:
Os Pallasos en Rebeldía saen para Tila.
Cada Caravana a Chiapas convértese nunha
viaxe na montaña rusa da vida, cando te
decatas estás cabeza abaixo ou revivindo
o mesmo bucle histórico centrífugamente.
Celebrar o 75 aniversario da 2ª República
española en metade da montaña zapatista,
rodeado de promotores de educación en resistencia,
e preparando os talleres dos Pallasos en Rebeldía
de Galicia, co resto dos meus
compañeiros de aventuras, é posiblemente
o mellor xeito de revivir na actualidade momentos
emocionantes da historia do noso país,
pero cun océano e milleiros de cerros polo
medio.
Saímos con tres horas de retraso do Caracol
destino Jolja, o outro centro de formación
zapatista, e tras seis horas de viaxe e búsqueda
de baterias de coche e auga de lume (imprescindibles
para realizar a nosa xira), chegamos a unha paraxe
incrible de montañas e vales no corazón
do municipio de Tila, o maior foco de paramilitares
de toda a zona.
Entre o Caracol e Jolja vivimos momentos dunha
roadmovi, con historias da guerrilla incluíndas,
escenas do lonxano oeste (entrando na vila de
Tila a buscar gasolina baixo as amenazantes miradas
dos priístas) e negociacións
imposibles con mestizos convertidos en pequnos
administradores do racismo local.
Chegamos, descargamos e fómonos a lavar
a un regato con pozas e penedos de película,
alí entre as risas do baño e frotando
a roupa do espectáculo eu non podía
deixar de pensar na fortuna e na decisión
que marca a miña vida.
Dende moi neno víame a min mesmo convivindo
con indíxenas nas selvas Centroameriacanas,
colaborando coas guerrillas e aportando a miña
achega á construcción dun mundo
máis xusto. Tamén me vía
subido ao sofá da miña casa mentres
botaban películas de romanos dirixindo
compañías de teatro; aínda
lembro unha conversa que tiven cun Luis Tosar
aínda adolescente nos asentos dun bus camiño
a Ribadeo (íamos a facer unha animación
de rúa con Tareixa, a nosa mestra en común
de teatro) eu tería 13 ou 14 cando lle
dixen a ese compañeiro accidental de viaxe
que eu no mundo do teatro quería ser director.
Case vinte anos despois aquí me atopo,
dando clases e dirxindo compañías
de pallasos rebeldes, galos e indíxenas.
Iván Prado.
|