A Sala Yago ata a bandeira en apoio a Leo Bassi e o Teatro Alfil
O martes 30 de marzo do 2006, máis de duascentas persoas encheron a Sala Yago nunha cálida velada cultural en defensa da libertade de expresión e en apoio a Leo Bassi e o Teatro Alfil ante os ataques fascistas que estaban a padecer.
O acto, co que naceu e se presentou a ONG galega Pallasos en Rebeldía, contou coa colaboración do Festiclown, da sala Yago e a Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Santiago de Compostela e o apoio da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia e da Asociación Galega de Axuda ao Pobo Saharauí.
Sobre o escenario sucedeuse unha nutrida e variopinta representación do teatro do noso país: Bacana, Pajarito, Mofa e Befa, Antón Lopo, Serxio Pazos, Cándido Pazó, Yoni Mediogramo, Antón Lopo e Os Sete Magníficos máis Un provocaron os risos dun público cómplice cun discurso crítico e social e políticamente comprometido que caracterizou os espectáculos da gala.
Por suposto, non podía faltar a intervención do verdadeiro protagonista da noite, Leo. Aínda que a súa presencia extendeuse ao longo das máis de dúas horas e media que durou a gala, Bassi achegou a mensaxe de laicismo e compromiso cos valores humanos e a xusticia social a través dun vídeo-fragmento de La Revelación que se proxectou na Yago.
Os risos solidarios da noite tamén chegaron aos campamentos de refuxiados saharauís do deserto de Arxelia, que recentemente sufriran gravísimas inundacións que desmantelaron o 60% das edificacións, pois alí foron destinados os 900 euros recadados ca venta de entradas. A Delegada Saharaui en Galicia, Fatma Mohamed Salem, agradeceu emocionada a iniciativa e o apoio galego á causa saharaui.
Dende a organización do acto agradecémosvos aos e as artistas, ao equipo da Sala Yago, á Asociación de Solidariedade co Pobo Saharaui e á Delegación Saharaui en Galicia e ao público de Compostela e de toda Galicia o voso apoio e solidariedade exemplares, que voltaron a poñer de manifesto o grito unánime da sociedade e cultura galegas de “Nunca Máis”, un “Nunca Máis á Inquisición Cultural”.