Pallasos en Rebeldía solidarízase co pobo de Oaxaca.
O Clube Clavicémbalo de Lugo acolle o xoves 18 a actuación solidaria da compañía clown Os 7 Magníficos + 1 co espectáculo “O Gordo e o Calvo van ao Médico (Buscando os feridos da APPO)”
O Clube Clavicémbalo será escenario, o xoves 18 a partir das dez e media da noite, dunha velada teatral “Contra o Xenocidio en Oaxaca”, organizada polo colectivo de cooperación internacional a través do riso Pallasos en Rebeldía. O acto conta coa colaboración da compañía Os 7 Magníficos + 1, o Festival Internacional de Clown de Galicia, a ONG A Cova da Terra e o propio Club Clavicémbalo.
O acto co que se presentará Pallasos en Rebeldía na cidade de Lugo será conducido por Iván Prado, portavoz da entidade. Comezará cunha proxección de imaxes do acontecido últimos meses no Estado mexicano de Oaxaca. A continuación actuarán a compañía oficial do Festiclown Os 7 Magníficos + 1 , coa representación da súa creación máis recente “O Gordo e o Calvo van ao Médico (Buscando aos feridos da APPO)”, interpretada por Francisco Rei e Pedro Brandariz.
A entrada solidaria, que poderá adquirirse na taquilla do Clube Clavicémbalo a un prezo de tres euros, irá destinada a apoiar a Asamblea Popular dos Pobos de Oaxaca (APPO). Esta organización formouse no mes de xuño do pasado ano como un movemento pacífico de rebelión contra o cazicazgo e o autoritarismo da política do gobernador do Estado mexicano de Oaxaca, Ulises Ruiz.
Con este acto Pallasos en Rebeldía volve a poñer a mirada nunca das loitas do México rebelde. Tralas sucesivas campañas de apoio ás comunidades indíxenas zapatistas de Chiapas, nesta ocasión únese á mobilización en solidariedade co pobo de Oaxaca para esixir xustiza e denunciar a actitude fascista do estado mexicano nos tráxicos sucesos dos últimos meses, nos que o uso da forza e a violencia contra un movemento pacífico, provocou centos de detidas e detenidos ilegalmente, decenas de desaparecidos, torturas, violacións e asesinatos.
Por isto covoca á cidadanía a sumarse a este acto no que o humor e a solidariedade servirán de repulsa e condena á represión do estado federal mexicano e de apoio unánime ao berro de “Oaxaca somos Tod@s”.