Crónica 2 dende Chiapas. Ano 2003
O CCRI (Comandancia Clandestina revolucionaria Indíxena) fala galego e bromea coa morte.
Xa chegamos ao Caracol que fala para todos, antigamente chamado V Aguascalientes, na recepción representantes da solidariedade vasca e catalana, que forman parte dos campamentos civís pola paz, (nados en Abril do 95 cando o mal goberno rompeu o alto o fogo pactado e arrasou con ducias de comunidades zapatistas en territorio liberado), e xusto despois das presentacións e os chistes deste novo, e posiblemente único, Galeuzca da solidariedade , don Juan, autoridade indíxena escollida en asemblea para gardar o Caracol, recíbenos no nome da Junta del Buen Gobieno "Semente nova que vai Producir", facémoslle entrega das credenciais e os avais que son precisos para entar nestas terras, e acto seguido convídanos a aloxarnos
no galpón que teñen habilitado para a sociedade civil nacional e internacional.
Para entrar en Roberto Barrios, a comunidade que aloxa o Caracol, tivemos que percorrer boa parte da carretara internacional que atravesa Chiapas para chegar a Guatemala, á metade do camiño os carteis zapatistas rezan: "Están vostedes en territorio zapatista liberado, aquí prohíbese o tráfico de armas e de alcohol", ou avisan que" Están vostedes en zona en rebeldía donde o pobo manda e o goberno obedece".
Estes simples carteis que parecen inocentes a primeira vista están sendo motivo dunha confrontación soterrada entre as comunidades autónomas e o os grupos paramilitares, e de xeito silenciado estanse a vivir grandes presións nesta zona Norte( posiblemente a máis conflictiva de México, xunto con Oaxaca e Guerrero), froito da grande implantación dos grupos paramilitares na zona, entre os que destaca por riba de todos Paz y Justicia, financiado directamente por senadores e congresistas do PRI.
Despois de cruzar un afluente do Baskan coa camioneta na que compartimos espacio con indíxenas Tzeltales e Choles , a emoción apodérase de todos nós, por fin chegamos a este paraíso natural, onde as fervenzas e os cerros selváticos sucédense a modo de filme documental, pero esta vez os protagonistas son xente de carne e óso que saen a recibirnos regalándonos a luz da súa ollada, limpa e poderosa.
Estou completamente embargado polo sentimento, poder retornar ás comunidades despois de 5 anos era unha materia pendente para min, pero recibir a noticia de que imos ser recibidos polos Compas e que temos vinte minutos para gozar dun baño no río e asearnos, dispara ao ceo a miña emoción.
Estar no corazón da revolta indíxena é unha grande experiencia humana, pero
ser recibidos pola Comandancia Clandestina Revolucionaria o mesmo día que chegamos, implica unha demostración de respecto tan grande que, automaticamente, sentímonos na obriga de estar a altura de tal recoñecemento.
Un compa vennos a buscar para cruzar todo o caracol e achegarnos a un pequeno souto non que se empraza un círculo de madeira cuberto por láminas de zinc onde realizan os consellos autónomos, e unha casa de vixilancia. Na entrada desta vivimos unha escena de clara impronta rebelde, tres homes sentados aorredor dunha mesa espérannos cos paliacates e os sombreiros de palla enfundados, un "boas poden sentarse" e a súa única presentación.
O que veu a acontecer despois forma xa parte das nosas vidas e representa un momento de grande emoción para nós. A conversa comeza:"dixéronnos que son dun país que non e Vasco nin Catalán , e que teñen unha lingua propia, eso a nós gústanos moito e estamos moi felices de que estean aquí, porque nós tamén falamos en linguas, e a nosa educación autónoma faise en linguas, así como a radio que vostedes quixeron financiar" . Con esa declaración de principios presentábansenos estes indios dignos, desde o recoñecemento da diversidade cultural que todos somos.
Pero nesta longa charla de máis dunha hora, na que tivemos tempo de saber polo seu testemuño do proceso político que están a vivir os pobos zapatistas en rebeldía, tamén houbo momentos para o chiste e a curiosidade," Dixéronnos que no seu país tocan a gaita, así que preguntamos a que soa a gaita e a
xente díxonos que a gaita xime, por eso nós lles preguntamos, se xime porque a tocan??? Risos, cubertos polo paliacate vermello e o seu silencioso xeito de celebrar.
Na plática, como lle din eles, os comandantes faláronnos do sistema de educación autónomo, onde as clases en lingua materna eran fundamentais, un sistema no que non existían grados de ensino, senón grupos" para que ninguén poida mirar desde arriba a ninguén, e onde o profesor sexa un promotor, un amigo máis, un membro máis da comunidade..." . " posiblemente vostedes non o comprendan pero ese e o noso pensar e queremos experimentar pois, un sistema novo , esto é un laboratorio, ao mellor fallamos e saénnos nenos robot(risos de novo, silencio e continua) pero non, pensamos que sairán seres humanos capaces de axudar á comunidade.."
Logo chegou o quenda da denuncia das presións que están sufrindo a mans do goberno e dos paramilitares. Explicáronnos como o goberno síntese atacado pola forza da radio insurxente, e como a boicotean sabotando o tecido eléctrico, como nos hospitais, desde a declaración da autonomía indíxena, decidiron non atender aos indíxenas zapatistas chegando incluso á morte de varios irmáns, pero eles recoñecen que aínda que o camiño é duro e difícil a loita pola autonomía indíxena, pola dignidade dos pobos indios xa non ten volta" as comunidades decidiron que se o goberno non nos escoitaba pois xa chegara a hora de por en práctica a nosa autonomía e gobernarnos por nós mesmos construíndo un sistema educativo Sanitario, de xustiza, e niso estamos irmáns.."
Por último, despois de expoñerlles os nosos proxectos para a viaxe e comunicarlles a nosa disposición absoluta a axudar nas tarefas do Caracol, eles quixeron agradecer a esta colaboración e recoñecer a labor coas súas palabras: " pois a xente enferma de pena, irmáns galegos, pola presión e a guerra, e a risa que vostedes traen, pois, pode ser boa menciña, pensamos nós, e xa que teñen esa facilidade pois agradecémosllo irmáns"
Despedímonos despois de acordar a visita a Radio insurxente e novos encontros coas autoridades autónomas, logo virán xornadas de traballo comunitario na obra de construcción da "Casa do Bo Goberno", encontros na cooperativa de mulleres, e incluso unha fornada de pan tradicional con elas, pero iso e a visita ás fervenzas será alimento doutra crónica.
Iván Prado, chegando a Roberto Barrios e ao camiñar desta xusta revolución. 24 de setembro de 2003