Crónica 4 dende Chiapas. Ano 2003
Solidariedade Indíxena ante a catástrofe do Prestige
Hoxe chegaron ao Caracol unha compañía de monicreques que viñan desde Cancún,
cun espectáculo sobre as bolboretas monarcas que emigran de México a Canadá por millóns delas cada ano, e con esa metáfora da emigración (só alcanzan a chegar ao campo canadense o 7%) eles platicaron cos Compas de transxénicos, de fronteiras e de OMC, ao finalizar sacaron unhas mantas, que en México só abrigan a ollada, porque así é como lle chaman as pancartas murais que tanta tradición teñen nestas terras, con motivos pictóricos e explicativos sobre a globalización e sobre... O PRESTIGE, A LEDICIA QUE NOS TROUXO AO EQUIPO GALEGO DE COPER@CTIVA FOI INMENSA, PERO MAIOR FOI A ilusión que nos deu que os mexicanos canadenses da compañía, e en presencia de
todos os compas que se están formando como promotores da educación de segundo
grado, solicitaronnos que explicáramos o que acontecera xa vai máis de dez meses no noso país.
Cando rematei a explicación sobre o petroleiro asasino e a convivencia entre
o capitalismo salvaxe (o único que existe) e o mal goberno, os compas zapatistas irromperon nun sonoro aplauso que tiña como destinatario o pobo galego, porque nesta selva, machacada polas multinacionais, a xente non coñece o mar pero si a explotación do capital e dos seus servos, os gobernantes....
Cando rematou todo o acto, tivemos que facer cortesía ante tanta mostra de
cariño e aceptar xogar un campionato de basket na metade da Selva zapatista, ás veces a realidade imponse sobre os aparatos de terror, e alí estabamos xogando case sen luz, (porque os Priístas voltaran de novo a boicotear o sistema de luz e a radio insurxente) cos compañeiros de equipo paliacate no rostro e luz na mirada, desafiando aos paramilitares que operan na zona, burlando a fame que deixa a única comida do día, e mesturando na cancha o Chol o Tzetal co galego e o catalán.
Poderán exterminar este pobo pero nunca rendelo.
Iván Prado. 24 de setembro de 2003