Crónica 7 dende Chiapas. Ano 2003
DE CANDO NA PATA DUNHA VACA VIAXABA UNHA POESÍA FEITA CANCIÓN
Onte foi noite pecha nunha comunidade cercada polos paramilitares, pero na
súa cancha de pelota, a maxia da revolución zapatista naceu a centos de corazóns.
Onte puiden vivir unha das experiencias máis impoñentes da miña vida.
Levamos case tres días sen luz na comunidade, ata a clínica ten que
funcionar con velas, pero na cancha de basket do caracol que "fala para
todos", os promotores de educación dos 5 municipios autónomos da Zona
norte (case 200) estanse formando por primeira vez baixo a a batuta de puro
indíxena zapatista.
Cando cae a noite, e aquí a noite é un manto interminable salpicado polos
lucecús e acompañado polos centos de ruídos diferentes que poboan a selva,
xúntanse a sangue nova desta revolución xusta cos vellos Antonios que sementaron dignidade e loita entre os máis pequenos da república mexicana.
Baixo o mar de estrelas que sucan o ceo chiapaneco , as cancións do
levantamento de 1910 e do 1994 mestúranse nunha especie de ritual rebelde,
onde as voces dos insurxentes van erguéndose sobre o resto dos coros e
participantes destas veladas, que tanto recordan as noites nos campamentos
dos combatentes contra madeiro.
As referencias aos primeiros días do levantamento, os poemas sobre os combatentes caídos, xúnganse cos relatos dos máis vellos sobre a participación indíxena na revolta campesiña que deu lugar ao Estado mexicano actual.
Cando os paliacates van caendo os silencios tamén escachan , e comezan as
historias persoais dos guerrilleiros a tomar protagonismo, a máis linda das
que tivemos a sorte de escoitar nesa noite irrepetible, fala dunha guitarra
que naceu nunha perna de vaca liberando a un poeta do pobo.
El decidira deixar de estudiar para traballar na construcción e aportar
a unha familia pobre e campesiña dunha comunidade do norte de Chiapas, o seu
nome hoxe non importa, así que comezou en Palenque traballando para empresas de construcción que levantaban os edificios dos campamentos militares, alí foi onde tomou conciencia da súa condición de pobo desprotexido e indefenso ante tal forza operativa.
Así que entrou no EZLN, e dedicouse a facer traballos de intelixencia
traballando de peón nos diferentes cuarteis, e incluso facendo amago de
incorporarse a filas, para acadar o máximo de información militar, tan ben utilizada nos 12 primeios días de xaneiro do 94.
Varios anos despois, e con moitos operativos insurxentes ás súas costas, que
aquí sería longo de relatar, o noso amigo comeza a escribir as súas primeira poesías, e sinte a necesidade de que a xente as coñeza, polo que busca na súa comunidade quen as queira cantar, pero como de por si a cultura indíxena é moi pouco protagonista, o noso poeta clandestino ante a negativa dos poucos que sabían cantar, opta por unha estratexia complexa.
Conseguiu primeiro unha guitarra vella e sen ponte, esperou a que a familia
do seu amigo carpinteiro de segundo oficio matase a res que tiñan e convenceuno para que lle fixera unha ponte para as cordas coa pata da res, levoulles tres días cortar, limar e pulir a ponte. Pero, unha vez montada a guitarra do noso aventureiro das letras, convenceu ao seu amigo carpinteiro para que tocara, e cando este lle preguntou o que, el entregoulle as súas cancións, poemas que empregaban as cancións de moda para falar dos sucesos zapatistas.
Hoxe, tempo despois a súas cancións cántanse en todo Chiapas, e nesta velada
foi un dos protagonistas, pero a xente non o sabe, porque ata para asinar os seus poemas no que debe de ser o primeiro poemario rebelde feito por un Tzeltal que non foi á escola, emprega un pseudónimo, el que foi o fundador dos raios del Norte e autor de cancións de selo rebelde, como:
“Placas inolvidables “ ou “Paliacates vermellos” fíxose poeta gracias a unha guitarra que viaxaba na pata dunha vaca e que deu vida aos seu poemas.
O seu nome non importa hoxe, a súa testemuña si, un pobo que debe esforzarse tanto para poder atopar o camiño de saída desta inxusta guerra, precisa de corazóns poetas como o deste insurxente, que depois de campesino foi albanel, e logo espia e logo miliciano, e agora é poeta das loitas e esperanzas do seu pobo.
Iván Prado. 27 de setembro de 2003