Anexo I. Crónica dos nenos. Ano 2003
Cando un deixa que os recordos arrolen entre regatos de emocións e imaxes imposibles, cando un supera o veo falso da realidade imposta, e convive momentaneamente a cabalo da ilusión, a óptica e a sentimental, cando un abre a espita vermella que chora o noso neno pecho, e mírase no espello cóncavo, como se fose caracol e espiral a un tempo, mirándo no espello que mira dentro e que mira mirándonos, como os ollos do tigre antes do salto final, entón daquela xa non se pode arriar velas nin vidas.
Sen medo a caer nos tópicos ou nos sentimentalismos, debo ser sincero comigo e falar da fonda pegada que deixaron impresa eternamente na miña vida , a vida dos nenos e nenas da revolta indíxena.
Nada podo explicar de toda a viaxe, nada podo recoñecer sen non son capaz de cantar á forza e a beleza deste xente de metro escaso, que poboa o futuro do zapatistamo andante.
Erika: nena indíxena, xorda e zapatista, mundos enteiros asoman polos seus ollos, máis expresivos que tódalas antoloxías poéticas. Transita doce horas en camioneta para asistir a unhas clases mestizas en capitais que non falan Tseltal, filla do compa Trinidade asasinado a machete polos Priístas camiño da comunidade.
Antonio fillo: chaparro, garvanciño, cercano e vivo como a noite en Chiapas, “amigos” é o seu grito de guerra, o seu español é tan pequeno como grande é a súa xenerosidade, porta a maleta de 15 quilos de atrezzo de pallaso comunidade arriba, e se ninguén o mira súbeme o pantalón por detrás para que non se me vexa o cú, asiste a todas as función e cando nos atopa vén correndo e brincando a abrazarme. O seu pai é autoridade , conta historias de vello Antonio, e nin as ameazas de morte, nin a as terras queimadas, nin as ovellas esfoliadas, nin a casa queimada, a man dos Príistas impídelle compartir a súa aventura zapatista co seu fillo antonionenochaparro.
Gina: nena máis fermosa é imposible de imaxinar, por veces semella serea de montaña, é a pallasa da familia, once anos ao frente do cargo de cómica nun dos núcleo fortes do zapatismo Tseltal, irmán da promotora de educación, filla da responsable da cooperativa das mulleres, animadora dos Duritos, equipo de Basket onde militan os seus irmáns que manteñen á familia traballando na milpa 1 , mentres o pai fai o que a comunidade llle encomendou, en silencio e en perigo...
Cada representante desta rapazada rebelde leva ás costas unha familia, unha historia e unha vida por diante de sacrificio, de indefensión absoluta, de entrega silenciosa, pero cando eles aparecen, a risa que portan volta chuvia que calma as calores desta guerra subterránea, cando eles xogan, xogan tódolos nenos indios que morreron e que estan por vir.
Cando estos nenos e nenas traballan na milpa ou asiten á escola, ou coidan dos seus irmáns ou escoitan aos maiores de cuclillas e na oscuridade nas noites eternas de asembleas clandestinas, están chantando unha bandeira sobre o chan mexicano, unha bandeira de dignidade e promesa.
Non sei se paga a pena loitar por un mundo cada vez máis triste e máis inerte, pero si sei que é imprescindible acompañar a vida destes nenos, non para salvalos non, senón para salvarme a min, do abismo infinito que sería imaxinarme sen a súa forza e luz.
POR UN MUNDO ONDE CAIBAN TÓDOLOS MUNDOS.
Notas: 1.- Milpa: Millo
Iván Prado, 9 de outubro de 2003.