Crónica 1 dos Pallasos en Rebeldía dende Chiapas. Ano 2004
Datas sinaladas
A Noite de Nadal, desque abandonei a miña brevísima etapa da nenez, perdeu todo o encanto e significado para min. Coa fuxida da inocencia, abandonamos tamén, na miña familia, o costume de recrear mundos novos na cociña da miña avoa e os nenos pasamos a engrosar a parte da mesa que os maiores tiñan para si nesta noite de tanta celebración no meu Lugo natal.
Así que, co tempo, emprendín a busca de novas datas que celebrar e novos santos que adorar.
Empecei por cambios radicais: ¡O Pai Nöel Morreu! ¡Viva Papá Fidel!. Decidín facer os regalos do Nadal polo Papá Fidel, o 1 de Xaneiro, "Día das Revolucións", (a Cubana e a Zapatista). A miña afillada xa sabe que pola miña casa só pasa un ghicho barbudo que fuma puros e que vai vestido de verde oliva. E, tamén, xa que as celebracións familiares mudaran os xogos e as aventuras polas discusións monotemáticas diante do televisor, procurei novos soños que transitar.
Primeiro foi o Sahara en Semana Santa, mais tarde viría Cuba polo Apóstolo e, por fin, dei un 24 de Decembro do 1995 no Zócalo de México, camiño a Selva Lacandona, ceando polo carbonizado nun piso franco que nos prestaran uns colegas do teatro estalinista de Chapaultepec. Un piso que, ademais de non ter luz nin auga, tampouco tiña cristais nas fiestras, e no que non podías botar un pe fora del de noite por medo a recollelo nu e nos osos, estabamos no barrio máis perigoso da cidade mais poboada do planeta.
Esa foi a primeira vez que visitaba a revolución zapatista, pero despois chegarían 5 viaxes máis que acabaron por ligarme de xeito vital a estas comunidades de indíxenas en rebeldía.
Así que antonte, ceando en Barajas chourizo e queixo do país con viño do rosal que fai o Roxo Grande (o Roxo Pequeno -ademais de traballar en Coperactiva- máis que facelo, bébeo en cantidades industriais), non sentía ningunha estrañeza de estar facendo a cea de Nadal no chan de mármore mentres gastabamos bromas aos pasaxeiros traxeados que pasaban escandalizados ao noso lado.
Viaxar 15 horas de avión e 13 de bus para chegar a Chiapas, pasar polos controis de inmigración e aduana, agocharnos dos militares e dos priistas, non é, en absoluto, a miña idea de pasar unhas festas agradábeis, pero poder traballar nas comunidades zapatistas e compartir por uns días a súa tolemia rebelde e sentirme parte da historia que se escribe con conciencia e compromiso, compensa a lonxanía da miña casa.
Finalmente, todos os días son festa se os dedicas a construír un mundo novo, un mundo onde calquera que loita contra a tiranía do Imperio tamén é da miña familia.
Así que estas datas sinaladas vounas pasar coa outra parte da miña familia, a que tapa o seu rostro para ser vistos.
Iván Prado, 26 de decembro de 2004.