Crónica 3 dos Pallasos en Rebeldía dende Chiapas. Ano 2004
De chegadas e reencontros
Por fin montamos na redila zapatista que nos vai a levar ata o V Caracol que Fala para todos . A emoción é dobre xa que Fran, o 6º integrante da caravana, acaba de chegar de Villahermosa, onde tivo que pasar a noite por falta de transporte a Palenque, vindo só dende Galicia por saír un día despois que o resto do grupo.
Tras unha hora de carretera nacional, collemos rumbo cara a serra do Baskhan, un dos ríos máis caudalosos e impresionantes de Chiapas, a través dun carreiro montañoso atravesado por varios regatos, que a camioneta vai superando coa súa monótona eficacia, ata alcanzar a comunidade de Roberto Barrios, meta e punto de partida da expedición de clowns galegos.
A chegada non puido ser mellor, Erika, a rapaza sorda, estaba no campamento dos internacionalistas que está xusto antes do inicio do Caracol, e con aplausos e risas deunos a benvida. Coma sempre, deixamos as nosas mochilas e as Caixas con provisións á beira do camiño que atravesa a comunidade, en espera de que algún representante da Xunta do Bon Goberno, ”Nova Semente que vai a producir”, saise a recibirnos.
Así foi. Dalí a un anaco, xa estabamos falando a cara descuberta cun portavoz da xunta, a quen entregamos os nosos pasaportes e a carta de presentación, que en realidade non facia falta, xa que el mesmo recordaba a nosa anterior visita.
Pero a nosa sorpresa foi enorme cando, vinte minutos despois de facer as consultas coas autoridades zapatistas, o mesmo “compa” nos introduciu dentro do recinto do Caracol para indicarnos os lugares onde iamos facer vida durante a nosa estancia en territorio rebelde: O MERO CARACOL. Os paiasos galegos estabamos invitados a convivir cos propios membros do Caracol, autoridades, comandancia, representantes doutras comunidades e compas, en xeral, que estaban a chegar para a grande celebración do 1º de xaneiro.
Nada máis colocar as nosas cousas os compas que estaban a traballar na construcción de novas dependencias do antigo Aguascalientes, chamáronos para botar o inexcusable partido de pelota (ou sexa, baloncesto), e nós felices por estar tan integrados, deixamos pel e mais folgos na cancha. Para cando rematamos de xogar por falta de osixeno nos pulmóns, a un lado da pista estaba o portavoz da xunta esperando pacientemente a que rematásemos o xogo para conducirnos ao interior da Casa do Bon Goberno. Aló fumos nós, suadiños coma pitos, entre cansos e sorprendidos por tan rapido recebemento, sen poder sequera mudar a camiseta.
Na pequena habitación onde a Xunta se reune e traballa, catro homes e dúas mulleres, cos pasamontañas do EZLN, estaban sentados ao redor dunha minúscula mesa de madeira e, coma sempre, chocamos as nosas mans, eramos seis para seis repetindo o ritual de salutación.
O Discurso do anónimo compa que nos recibiu, ademais de breve, foi realmente lindo, xa nos coñecían e estaban moi ledos pola nosa chegada. Infórmanos de que actuaremos na festa central do 31 e, a partir de aí, pecharíamos as datas dos obradoiros e das actuacións no resto das comunidades. Polo momento, tiñamos permiso para movernos dentro do caracol e irmonos bañar ao rio, pero solicitáronnos que non atravesásemos á zona priísta da comunidade, máis tarde saberiamos por qué.
Repetimos o saúdo pero nesta ocasión para marchar, e cruzamos a porta en silenzo, queriamos reter eses emocionantes intres na nosa memoria persoal, pero ao chegar deica as hamacas, empezamos a abrazarnos e parolar cheos de ledicia.
Estabamos dentro do caracol e todos os plans foran aprobados.
O primeiro obxectivo da caravana estaba cumprido.
Iván Prado, 27 de Decembro.