Paxinas Amigas
inicio
Galego
Castellano
 
crónicas --> Chiapas 2004

Crónica 5 dos Pallasos en Rebeldía dende Chiapas. Ano 2004

Internet na Selva Zapatista

Comezamos o día con moita forza, saber que iamos actuar pronto e ver como os nenos da comunidade (e máis os maiores) lembran con detalle a nosa obra de hai 14 meses, encheunos de auténtica enerxía creativa, así que decidimos axudar a facer o tellado da nova construcción que se estaba a erguer no Caracol.

É a “Casa dos internets”, como aquí a chamaron. Si, estamos construíndo un edificio que vai albergar ordenadores conectados vía satélite á Rede.

A Revolución do 1º de Xaneiro non foi só un levantamento armado, senón tamén un paso de xigante para o mundo Maia, que vai traer consigo a igualdade entre os homes e as mulleres dentro das comunidades zapatistas, e tamén a adaptación de moitas modernidades ao modelo de vida indíxena.

Desque descubrín que estabamos a facer un macrociber revolucionario aos pes do Baskhan, empecei a recordar como era o Roberto Barrios que eu coñecera no 98, cando o visitara como coordinador da Comisión Civil Internacional de Observación polos Dereitos Humanos en México, un verdadeiro fito da defensa dos dereitos humanos desde a esquerda e os movementos populares.

Naquel ano o Aguascalientes (agora, V Caracol) era un soño máis ca unha realidade. Dende entón ate hoxe, coa axuda dos colectivos internacionais de apoio ao EZLN, construíuse a escola, a biblioteca, a cantina, a tenda da cooperativa de mulleres, varios comedores e dormitorios comunais, a cancha de básquet, e a Radio Insurxente que, coas entradas do “Festiclown” e o “Olladas do planeta”, financiamos.

Aí está un modelo de desenvolvemento verdadeiramente alternativo, que non conta co apoio das Nacións Unidas, incluso que se levou a cabo en contra de militares e gobernantes mexicanos, nunha das zonas máis deprimidas de América Latina e, o máis importante de todo: fornecendo un proceso revolucionario.

Así que marchamos a darnos o merecido baño nocturno, despois de levar unha malleira no torneo internacionalista do caracol: Galicia contra Catalunya, e nin a derrota puido eclipsar un momento tan importante do día como é o do baño despois de axudar a levantar coas nosas mans o próximo centro de comunicacións rebelde de Roberto Barrios.

Podemos perder ao basquet, pero o que non se nos marcha é o orgullo de participar desta aventura imprescindible que se chama zapatismo.

Iván Prado, 29 de decembro de 2004