Crónica 3 dos Pallasos en Rebeldía dende Chiapas. Ano 2006
14 de abril día da República: Os Pallasos en Rebeldía saen para Tila.
Cada Caravana a Chiapas convértese nunha viaxe na montaña rusa da vida,
cando te decatas estás cabeza abaixo ou revivindo o mesmo bucle histórico
centrífugamente.
Celebrar o 75 aniversario da 2ª República española en metade da montaña
zapatista, rodeado de promotores de educación en resistencia, e preparando
os talleres dos Pallasos en Rebeldía de Galicia, co resto dos meus
compañeiros de aventuras, é posiblemente o mellor xeito de revivir na
actualidade momentos emocionantes da historia do noso país, pero cun océano e milleiros de cerros polo medio.
Saímos con tres horas de retraso do Caracol destino Jolja, o outro centro
de formación zapatista, e tras seis horas de viaxe e búsqueda de baterias
de coche e auga de lume (imprescindibles para realizar a nosa xira),
chegamos a unha paraxe incrible de montañas e vales no corazón do municipio de Tila, o maior foco de paramilitares de toda a zona.
Entre o Caracol e Jolja vivimos momentos dunha roadmovi, con historias da
guerrilla incluíndas, escenas do lonxano oeste (entrando na vila de Tila a
buscar gasolina baixo as amenazantes miradas dos priístas) e negociacións
imposibles con mestizos convertidos en pequnos administradores do racismo
local.
Chegamos, descargamos e fómonos a lavar a un regato con pozas e penedos de película, alí entre as risas do baño e frotando a roupa do espectáculo eu
non podía deixar de pensar na fortuna e na decisión que marca a miña vida.
Dende moi neno víame a min mesmo convivindo con indíxenas nas selvas
Centroameriacanas, colaborando coas guerrillas e aportando a miña achega á
construcción dun mundo máis xusto. Tamén me vía subido ao sofá da miña casa mentres botaban películas de romanos dirixindo compañías de teatro; aínda lembro unha conversa que tiven cun Luis Tosar aínda adolescente nos asentos dun bus camiño a Ribadeo (íamos a facer unha animación de rúa con Tareixa, a nosa mestra en común de teatro) eu tería 13 ou 14 cando lle dixen a ese compañeiro accidental de viaxe que eu no mundo do teatro quería ser
director. Case vinte anos despois aquí me atopo, dando clases e dirxindo compañías de pallasos rebeldes, galos e indíxenas.
Iván Prado