Crónica Chilanga 1 dos Pallasos en Rebeldía dende Chiapas. Ano 2006
Día mundial do traballo en México.
Chegamos ao ventre do monstro, a cidade máis poboada do mundo, DF, ás 7 da mañá, despois de 14 matadoras horas en bus desde a arqueolóxica cidade de Palenque.
Estacións de metro, duchas e almorzos despois, arribamos ao Zócalo, unha das prazas máis combativas de América Latina, e poidemos ver os simulacros de celebracións obreiras do Primeiro de maio, as do movemento sindical vertical con máis de corenta anos de servidume ao PRI, e a das plataformas sindicais pola independencia sindical, que xa venderon a súa ao mellor postor electoral: López Obrador e a coalición PRD-PT.
6 horas despois soportando o bochornoso espectáculo seudo sindical e un sol case máis pesado que os propios oradores, vimos como pouco a pouco a praza empezaba a encherse dunha marea humana, que non ía uniformada con gorras e camisetas a nome deste ou aquel sindicato, senón de ríos de xentes chegaban portando a súa diferencia como bandeira, comunistas, anarkistas, tribus urbanas, sindicatos independentes, pensionistas e indígenas, todos coreando consignas combativas e portando pancartas de apoio á Outra Campaña e á Sexta Declaración.
Antes de que o Delegado Cero, encabezando a marcha, tomara coa plana mayor da Sexta Declaración o humilde templete do mitin central neste 1º de maio do 200, ano da remuda presidencial, foron ducias as loitas que tomaron o micrófono para denunciar casos de desaparecidos, presos políticos, peches patronais, despidos masivos, privatizacións e abusos varios da administración antiobreira de Vicente Fox.
As diferencias entre as marchas vencelladas aos partidos maioritarios e á Outra Campaña son abrumadoras, as primeiras suman sindicalistas uniformados e palcos con inmensas pancartas, torres de son e as cadeas televisivas, discursos planos e repetitivos. A Outra Campaña aporta diversidade, na forma de manifestarse e sobre todo na parrilla revindicativa, aporta un crisol de realiades e un mundo de historias de loita obreira radical, aporta a voz dos indios da capital da república e dos colectivos minoritarios, e finalmente incorpora a palabra dunha forza guerrilleira que está a construir unha nova forma de autoxestión do poder indíxena.
Marcos tomou a palabra pasadas as catro da tarde, despois de dúas horas de manifestiación polas arterias deste xigante deitado, con centos de miles de persoas seguindo seu camiñar rebelde, para dar un discurso corto e aparentemente simple. Non foi poético como nos seus escritos, nin esgrimiu fondos análises como noutras ocasións, senón que foi directo e chan, o seu foi un discurso histórico, pero non polas proclamas ou polos argumentos, senón polo espíritu que encerraba.
Marcos non exerceu de vanguardia, nin de analista, senón de pedagogo da esperanza, partindo da mensaxe que según el foi o máis escoitado durante a súa xira polo terrtorio mexicano: “Hasta morir si es preciso”.
A consigna directa ao corazón dos loitadores que sofren desde hai xeracións derrotas tras derrota a mans dun dos sitemas políticos máis asoballadores de América Latina: foi a da victoria, foi a da promesa dun futuro inmediato mellor e máis xusto, A unidade da dignidad rebelde foi a receta, a mediciña foi a de convertir as soedades, o medo e as angustias dos que levan toda a vida loitanto nunha forza transformadora.
A rebelión da que falou o sub, non contempla a correlación de forzas, nin o escenario electoral, senón que somentes se proxecta a partir da suma de loitas sociais, sen data nin fórmulas únicas. A rebelión do delegado cero non é somentes unha promesa de consumo interno, tamén é un aviso para os poderosos, é unha misiva con acuse de recibo para o capital, aos que xa lles prometeu carcere e exilio.
Onte a historia fixo unha parada no Zócalo de DF, para coller impulso cara un México distinto o de abaixo á esquerda.
Iván Prado