Crónica 10 dos Pallasos en Rebeldía dende Chiapas. Ano 2007
Crónica de presos políticos
Despois da mellor función de todas as que fixemos ata o de agora, a 2 horas a pé do V caracol, na comunidade de Santa cruz, unha das máis organizadas das que vimos ata o momento e cun promotor de educación realmente extraordinario, pola sua conciencia e ganas de rir interminables, onte fixemos a función máis política e relevante desta caravana 2007-2008.
En Choles de Tumbala, municipio autónomo do traballo, os compas levan dende o 89 ocupándoo e resistindo. Propietarios legais desde a 1° toma de terra, tiveron que esperar ata o levantamento armado do EZLN para, con compañeiros de moitos rumbos distintos e por orden directa da comandancia, recuperar esas terras que estaban en mans de propietarios ilexítimos que teñen cartos abondos para mercar a xuíces e policías. Pero no 99, os verdadeiros donos, os que primeiro camiñaron estas terras, os pobos que non tiñan máis que dignidade e fame, coa forza da sua loita e os seus corpos, enfrontándose a finqueiros, exércitos privados e diferentes corpos policiais fixéronse de novo co control das terras.
Onte puidemos actuar para esta comunidade que se ve constantemente presionada polos veciños priistas que o mal goberno asentou ao seu arredor e polos finquieros que, ilexítimamete, queren empregar estas terras que hoxe dan esperanza emillo para pastos e carne de hamburguesa yanki.
Pero tamén tivemos a oportunidade de entrevistar a Rogelio, un preso político que leva fóra da cadea dúas semanas gracias á intervención da sociedade civil internacional, pero sobre todo a costa dos traballos e esforzos da junta de buen gobierno.
Despois de sufrir penalidades durante 40 meses, Rogelio foi liberado sen cargos nin probas contra el. 40 meses pagando mordida nas cadeas a costa de empréstimos e endebedamentos que a súa dona e a súa comunidade asumían, para que Rogelio non fora apaleado ou encuado nas cadeas de Chiapas. 40 meses vendo como o acusaban de cousas tan desaqueloutradas como o roubo de 200 galiñas, e todo porque o mal goberno necesitaba un cabeza de turco para asustar as comunidades en loita.
Onte, no número de escapismo que Lokonuk fai cunhas cadeas en forma de esposas para escravos, Rogelio foi un dos voluntarios que me axudaron a saír desa prisión momentánea dos ferros e os candados. Rogelio contou de 10 a 1 en alto animando a toda a súa comunidade para que me acompañaran no intento de romper as cadeas e os valados. Finalmente, coa vontade e a unidade de todos, Lokonuk sae das cadeas e durante un breve intre eu vin que o meu axudante tiña a mirada chorosa. Durante uns minutos, en Choles de Tumbala, fixemos xustiza, máxica, pero xustiza zapatista.
Desde o corazón e á esquerda é posible romper todas as cadeas se unimos esperanza e loita.
Pero aínda quedan moitos presos políticos zapatistas e non zapatistas nas celas de Chiapas e México esperando a eses milleiros de “lokonuks” da sociedade civil dispostas a facer maxia e xustiza que os liberen.
Iván Prado