Paxinas Amigas
inicio
Galego
Castellano
 
crónicas --> Chiapas 2008
Chiapas
  <-voltar

CRÓNICA III. V CARAVANA DE PALLASOS EN REBELDÍA E II CARAVANA DE SOYAPOS EN BERELDÍA AS COMUNIDADES ZAPATISTAS DE CHIAPAS

Unha costa terrible que deixa sen folgos e sen forzas é a benvida que esta agreste natureza nos regala. Estamos polo rumbo de Tila e as serras dos Chulum. Comeza a xira.

Despois dunha viaxe de 6 horas desde o caracol que fala para todos onde nos despedimos con cancións e moitas risas, chegamos ao noso destino. A redila ten problemas para atravesar unha estrada salpicada de regatos e pequenas fervenzas que desmantelan o firme de terracería, un pequeno aviso do que nos agardaba.

Nunha volta do camiño están dous compas esperándonos, en eguida vemos nos seus rostros esculpidos polo sol que son xente de longas xornadas de traballo sobre os empinados cerros, vestimenta de camuflaxe e machetes que poderían fender árbores do grosor dun brazo musculoso.

Despedímonos da redila e inmediatamente repartimos os bultos, pero non será a última vez que o fagamos nas vindeiras 2 horas de subida......

Ata tres veces tiveron que facer un alto os compas para esperar ao grupo, sobre todo a sección guerita da expedición. O primeiro tramo de subida foron 45 min de sinperdón. No canto de subir escalabamos cos pés un carreiro que máis que pendente era parede. Cando paramos, parte do grupo tirouse no chan á espera de recuperar o latido normal do corpo e o corazón, pero a imaxe coa que nos atopamos foi unha das visións mais fermosas destas serras que eu lembro en moitos anos de visitas á revolta indixena.

Isto é Chiapas, a beleza máis impactante do mundo xunto a historias que nos desbordan, como a que nos contou, poñamos Rafael, o rexionalo da comunidade que con outra xente tomaran as terras dun finqueiro a costa da persecución, a morte de irmáns de loita, e anos de loita implacable contra a dureza de vivir nas serranías.

Rafael é neto de escravos campesiños, que para non seguir vivindo baixo o xugo do terrateniente, decidiron fuxir e ocupar espazos onde traballar a terra ainda que fora a costa de deixar a pel nunha terra que non produce apenas millo nin frijol, un lugar que non da café nin chile; en definitiva, unha terra que para esta cultura é a máis desagradecida.

Ainda así, esta comunidade recíbenos con risas e comida, unha xente que leva desde antes do 94 na ocupación de terras e na organización, sen que moitos o soubesen. Unha historia persoal que fala de 20 anos de clandestinidade, de andar fuxido polo monte, de arrincarlle á terra o mínimo para sobrevivir, de sufrir a marcha dos fillos en busca de mellor vida, pero un rostro que desprende ternura e alegría en cada instante, un home que ri coas nosas pallasadas máis sinxelas.

O grupo de pallasos indíxenas está cheo de ganas de empezar co show, que por primeira vez en moito tempo será ás 9 da mañán. Os nenos e as nenas non paran de dar voltas ao redor de nós desde que o día anterior tiveron unha sesión de maxia con Barbinni, na que ata as mulleres participaron.
Pero a verdadeira maxia está nestes cerros e nestas xentes, nos homes e mulleres do millo, que manteñen vivo o lume da esperanza nun mundo inxusto que favorece aos ambiciosos depredadores e penaliza ao xenerosos que camiñan a palabra verdadeira .


contacto: 981 58 28 36 :: pallasosenrebeldia@republicaclown.org