Paxinas Amigas
inicio
Galego
Castellano
 
crónicas --> Chiapas 2008
Chiapas
  <-voltar

CRÓNICA VII. V CARAVANA DE PALLASOS EN REBELDÍA E II CARAVANA DE SOYAPOS EN BERELDÍA AS COMUNIDADES ZAPATISTAS DE CHIAPAS

Tres horas de duro camiño cheo de baches e pó.... Dunha comunidade a outra poden pasar moitas cousas: pódenos parar a federal e interrogarnos, pódenos invadir unha nube de pó e deixarnos como Copito de nieve, podémola pasar facendo pallasadas sen parar, facer do chan da redila a cama que non tivemos na comundiade...

Temos viaxes que as pasamos todas cantando e improvisando cancións cos compas, ou converter a redila nunha improvisada escola de formación, na que un Lokonuk sen oído aprende tres acordes no timple de ñox Iñik. Os compas aprenden linguaxe de signos mentres nos dan leccións de agroecoloxía pero, sen lugar a dúbidas, as mellores viaxes son as que converten a redila nunha ágora moderna, na que o mundo indíxena e o occidental se atopan.

Hoxe, nestas tres horas tivemos tempo de falar das diferentes maxias. En realidade é o que máis lles chama a atención dos espectáculos que damos. Queren aprender e sobre todo comprender, falan da súa maxia , a que aínda queda polas comunidades indíxenas, pero na conversa misturan as cousas de hogano coa maxia dos antigos mayas e toltecas. Así camiñan eles a historia, sempre en espiral cunha pregunta nos beizos incluso cando afirman, atentos ás achegas que amplíen a súa palabra.

O sub comandante Marcos tamén foi tema de conversación cunha xente que, sen lugar a dúbidas, tiña estado con el moitas veces, posiblemente nos cuarteis da montaña. A loita sempre atravesa calquera conversa fonda cos zapas.

Chegamos á comunidade felices por baixar da redila e deixar atrás o pó da seca, pero sobre todo por empezar co noso traballo payáis. Pero cal foi a nosa sorpresa cando toda a comitiva de benvida eran mulleres, mulleres zapatistas que levan a cociña comunitaria e o resto dos traballos que fan nesta comunidade.

Lokonuk lanzouse coas súas tolemias arrincado prontamente as risas das compañeiras, asi que se seguiron xuntando mulleres e mulleres ata ser máis dunha vintena entre avoas, nais e chamaquitas. Pasou o tempo e viñeron por nós para que foramos á cociña xantar, e daquela montouse a festa...

Empecei simplemente por querer facer unha torrada nas brasas do lar e, entre borma e broma, ardeume a torrada. A partir de aquí disparatouse todo, chistes coas mulleres e xogos de maxia un detrás doutro ante a insistencia delas. Poucas veces o pasei tan ben coas mulleres dunha comunidade. Grandes e chicas non querían que marchara do seu carón, eu sudando ante o lume, elas a pedir mais e mais, ao final tiven que escabullirme se non quería que me arrecunchasen para que explicase os xogos.

Finalmente pagaron a pena as tres horas de redila por camiños de terracería. Chegar a este edén e toparse cos amazonas zapatistas é o mellor alimento para a alma e a rebeldía.

 


contacto: 981 58 28 36 :: pallasosenrebeldia@republicaclown.org