|
CRÓNICA VIII. V CARAVANA DE PALLASOS EN REBELDÍA E II CARAVANA DE SOYAPOS EN BERELDÍA AS COMUNIDADES ZAPATISTAS DE CHIAPAS
Chegamos camiñando a Nuevo progreso, terra recuperada. Unha comunidade ás portas do grande centro turístico de Aguazul, un dos atractivos naturais destas terras. Aquí, nesta comunidade de puros compas, a organización respirase en cada momento, iso si, sempre acompañada do bo ambiente e as risas dos compas. O responsable da comunidade, de quen non direi o nome, recíbenos cun discurso de benvida e os compas regálannos comida e bebida. Ademais, os carteis zapatistas feitos á man sobre táboas están colgados por todos os lados.
Hai algo no ambiente que non podemos definir, pero incluso nesta calor abafante todos coincidimos na complicidade que se palpa. Ten algo, non sei, se cadra estou condicionado porque de camiño á comunidade sentín que esta ía ser moi especial, tanto como para que puidera ser a comunidade na que vir vivir a Chiapas pero, en todo caso, o recibimento foi marabilloso.
A media mañá lévannos a bañar e entón descubrimos que é o que fai distinta a esta comundiade. Diante dos nosos ollos aparece o río máis fermoso da miña vida, o Aguazul que, atravesado por varios candiros nos regala un mar de azuis distintos, o río do paraíso.
Seguramete foi o baño coa comunidade máis rico e divertido de todos, atravesamos o longo ancho do río para gozar das dúas beiras e os compas contáronnos que ese lado era o Tzeltan, onde máis problemas se estaban a producir, incluso con compas machateados. Xa que os zapatistas estaban defendendo que esa parte do río non se convertese noutra zona para turistas senón que quedara, segundo as súas palabras: “para o goce dos indíxenas e os obreiros”
Regresamos con enerxía renovada despois de tan lindo baño e moitos xogos cos nenos da comunidade, e tamén con ganas da dar a función de pallasos e foi daquela cando tivo lugar a anécdota da viaxe.
Eu levaba un día medio revolto do estómago de andar a misturar tantos chiles distintos e abusar do picante, así que non as tiña todas conmigo cando empezamos a prepararnos para dar a función, pero que iamos facer, xa estabamos listo e o sol ía marchar pronto, así que aguantei. Que mal fixen. A metade do primeiro esqueche xa non podía co corpo e, cando rematamos, Lokonuk montado no cabalo de sancho marchou diretamente baixo as risas dos compas dirección a letrina, con tan mala sorte que un par de cans asustados pola miña carreira quixéronme morder. Gracias de vasoira cabalo. Total, que en metade da función Lokonuk tivo que ir facer de ventre e o pobre o do Illanes saltar a escaleta e facer tempo co diábolo.
Moitas cousas me pasaron en Chiapas, pero estar actuando dentro dunha letrina, creo que foi das máis divertidas.
Cando rematamos a función xa de noite o responsable deu un discurso en chol, que, segundo os nosos compañeiros de viaxe, foi o máis político desta xira. Cando todo rematou, antes de darnos a cea e regalarnos camote, un auténtico manxar destas terras, vólvenos dar un discurso de despedida e pronunciou as palabras máxicas:
AGARDAMOS QUE ESTA NON SEXA A PRIMEIRA NIN A ÚLTIMA VEZ. Algo dentro de min resoou fondamente. De seguro que volverei a Nuevo progreso, con Lokonuk ou sen el. |
|
|