|
DÉCIMACRÓNICA DE IVÁN PRADO DESDE CHIAPAS
De cando un río se converte en mar
Joljá é un lugar de encontros e despedidas, lugar onde o mar de nubes se topa cun outeiro interminable no que o sol ten que pedir permiso para pasar por riba das impoñentes montañas e onde ata as augas do caudaloso río Ñopa choran ao se despediren das verdes e amorosas penas da ribeira máxica que as abraza.
Rodeado de leiras de millo e de loitas rebeldes, o centro de formación de Jolja, na zona norte, é un gran corazón verde de coñecemento revolucionario.
A base de feixón e de arroz, un par de veces ao día -con sorte-, preto de 80 rapaces e rapazas estudan con dous abnegados loitadores sociais das letras e dos números, dous formadores que dedican tres anos -case a tempo completo- da súa vida en formaren a primeira xeración de estudantes zapatistas da secundaria.
Non teñen libros, precisan materiais de estudo e asesoramento en case todas as materias, pero cada día estudan e aprenden todos xuntos -en minúsculas aulas de bloque- a loitar e sobreviviren nun mundo globalizado que quere rematar coa identidade indíxena.
Non cantan himnos nin levantan bandeiras cada día, pero son sen dúbida un exército que soporta o frío durmindo todos xuntos, que se organiza para faceren a súa comida cada día ao carón do lume durante as longas horas da noite, que comparte dúbidas, risas e xogos a partes iguais e que no seu interior brilla a luz dun novo amencer.
De 11 a 18 anos estudan todos xuntos, asisten ás asembleas, aos debates, escoitan e berran, corren e aprenden... Non sei ben que outra formación académica -sen ánimo de ofender- pode ser máis completa ca esta. Aquí, ata o que non hai forma parte da aprendizaxe.
Catro días de ensaios, partidos de voleibol, actuacións de maxia, pallasadas e clases de malabares e zancos. Catro días que demostran que as utopías son camiñables. Catro días para nos irmandarmos máis cos letrineiros, os nosos irmáns pallasos en rebeldía, o primeiro Equipo de Pallasos Indíxenas Zapatistas (EPIZ) que naceu despois de cinco anos de traballos e de visitas a estas terras. Catro días nos cales lles entregarmos materiais para ensaiaren novos números, acordar novos cursos e sobre todo deixar armado o funcionamento interno deste experimento vivo que é o pallasear zapatista.
Botamos toda a noite preparando o material, facendo acordos, levantando actas, e despedíndonos coas últimas gargalladas. Cando fomos para a hamaca, unha sensación agridoce axúdanos a pechar as pálpebras. Marchar é dificil, algo de nós fica aquí. Con todo, erguémonos coa alegría de sabermos que o traballo estaba feito, así que armamos a mochila e encamiñámonos cara á saída, para San Cristóbal. Cando comezamos a subir a costa que nos achega á estrada, todos os rapaces da escola veñen tras nosa en silencio. Cando nos decatamos, estamos rodeados ao pé da estrada por todas as olladas e corazóns fermosos que nos acompañaron estes catro días. Miradas cheas de vida e de agradecemento, miradas de loita e de compromiso, miradas cheas de risas pasadas e futuras, miradas de encontros e despedidas.
|