Paxinas Amigas
inicio
Galego
Castellano
 
crónicas --> Chiapas 2009
Chiapas
  <-voltar

SEGUNDA CRÓNICA DE IVÁN PRADO DENDE CHIAPAS.

DENDE OVENTIC: 15 ANOS DE RESISTENCIA ZAPATISTA

Oventic, o segundo Caracol, é posiblemente o máis impactante de todos os centros neurálxicos do neozapatismo. Construido sobre unha loma de radical pendente, ten unha chea de edificacións rebeldes que se distribúen ao redor da carretera central, que leva dende a entrada principal ata o templete zapatista, como se dun enorme esquelete de balea se tratase: a casa da Xunta de Bon Goberno, a clínica, as cooperativas, a caseta de vixilanza, comedores  populares, o auditorio, en fin, un cento de lugares que cando a néboa empeza a caer sobre esta zona dos altos de Chiapas, onde os tzotziles gobernan dende antigo, adquiren unha condición realmente máxica, converténdose nun enorme navío a través de mares de brétema e misterio.

De misterio e festa estivo chea a noite do 31 ao 1 de xaneiro, durante a celebración dos 15 anos de levantamento que o movemento guerrilleiro incluíu dentro do Festival Mundial da Digna Rabia. Entre indíxenas rebeldes fixemos o tránsito dun ano a outro, coa vivencia de acompañar, unha vez máis, o camiñar desta revolta universal.

Entre postos fumeantes de elote (millo cocido) e berros de “zapata vive” vimos desfilar a ducias de autoridades comunitarias encarapuchadas e vestidas coas roupas tradicionais, que ademais do bastón de mando traían unha mensaxe de benvida para o perto das 2000 persoas que alí estabamos, xusto cando a lúa facía a súa aparición nun ceo estrelado e limpo, a festa da palabra e o baile comezaba.

Actuacións, debates informais, bromas e tarefas domésticas, como atopar un oco no que pendurar a nosa hamaca baixo cuberto, foron o noso divertimento mentres se chegaba a hora máxica do levantamento armado que mudou a historia recente de México e de parte da humanidade.


Así foi que cando en México eran as 11 da noite, en Galicia as 6 da mañá e no reloxo rebelde as agullas marcaban o intre exacto no que o novo ano zapatista iniciaba, fixo entrada a Comandancia Xeral do EZLN, representada polo Comité Clandestino Revolucionario Indíxena, para de novo agradecer a nosa presencia durante estes 15 anos e dar a mensaxe última da Comandancia a través da pausada e sinceira voz do Comandante David, un dos líderes históricos do movemento, e para o meu parecer unha das voces máis contundentes do neozapatismo. Nesta ociasión a misiva era clara: seguimos vivos, despois de 500 anos de colonialismo, 25 anos de existencia e 15 de resistencia activa, a flor da palabra dos homes e mulleres do millo segue viva.

5 horas de baile esgotador despois, sen que ningunha compa da cor da terra quixera facerme os honores, fomos para a hamaca coa retina chea de imaxes inolvidables deste pobo loitador e xeneroso que incluso en metade dunha guerra de baixa intensidade sabe compartir a súa vida e o seu corazón.

Pola mañá, despois de varais visitas, esperas e risas, a nosa xunta, a do V Caracol que fala para todos, exiliada en Oventic dende hai uns meses, nos recibe para confirmarnos, finalmente, que a formación dos novos equipos de pallasos zapatistas vai ter lugar en Joljá e no recinto do Caracol de Roberto Barrios, case dez días de formación que precederán a nosa xira polas comunidades en resistencia.

Unha vez máis os Pallasos en Rebeldía comezan a súa aventura pola zona norte de Chiapas, nun momento no que os paramilitares teñen tomados parte dos centros de loita, pero despois de 15 anos de exemplo zapatista sabemos que nós tampouco podemos perder, como imos a perder se somos un exército de soñadores…

Lokonuk, San Cristóbal de las Casas. 1º de xaneiro


contacto: 981 58 28 36 :: pallasosenrebeldia@republicaclown.org