QUINTA CRÓNICA DE IVÁN PRADO DESDE CHIAPAS.
O zapatismo atravesou a miña vida, fixo de rizoma e de metáfora
Hai trece anos un aspirante a teatreiro que se instalará en Madrid no seu primeiro exilio voluntario despois dun naufraxio radical no sindicalismo galego de pseudoclase chegou á realidade chiapaneca zapatista e indíxena. E fíxoo dobremente, porque así se chamaba a primeira comunidade que coñecín.
Desde aquela todo na miña vida cambiou. Deixei a compañía de teatro madrileña-parisina e por segunda vez deixei o mundo do teatro (a 1º vez foi cando me dediquei por completo ao sindicato) para meterme de cheo na creación de colectivos prozapatistas, movementos antiglobalización e redes de comercio xusto.
Polo zapatismo ademais coñecín a Ángel, Roxo, Rosa, Pablo e Fran. Todas elas persoas imprescindibles no proxecto da miña vida: Coperactiva Cultural. De feito, se existe Coperactiva Cultural como a máis alternativa empresa de xestión cultural en Galicia é por influencia do zapatismo. Polo zapatismo entrei no lonxano mundo dos dereitos humanos e, polo zapatismo, tamén volvín actuar e a recuperar a miña faceta de clown, desta volta internacional.
Ata produtores de documentais somos movidos polo noso amor ao zapatistmo e a estes pobos. E todo isto moitas veces inconscientemente, sen decatarme do fondo cambio que estaba a vivir. Incluso moitas destas experiencias nacían da miña frustración como neozapatista na distancia, crise de relación incluída.
Pero hoxe, no último dia do festival, todo isto quedou ao descuberto, as néboas da memoria desapareceron, as dúbidas da crítica desaforada autodisolvéronse.
Daquela, os indíxenas e os mestizos viven ou non viven sobre a nai terra? Así de directo comezou o tenente coronel insurxente Moisés. Se todas vivimos nela pensemos que construimos sobre ela, se iso beneficia a todas ou non, ou, volve a preguntar, a nai terra non nos carga? Ou é que nós podemos cargar a madre terra, apenas cargamos un par de metros cando nos enterran nela, cando volvemos a ela, non cargamos a terra. só a acompañamos cando volvemos a ela.
Intres antes eu non puiden conter as báogas ante a entrada dos diferentes millos que as mulleres e homes de diversas partes da república indíxena de México entregaban á comandancia. Nun acto sumamente poético Juan Chávez revelavabanos a nosa verdadeira procedencia.
Marcos fixo un dos discursos mais enteiros que lle recordo, Palabras sobre a diferencia e a loita, vintecinco anos de coherencia e derrotas envoltas de grandes éxitos. Palabras que me tocaron ben dentro, pola poética crueza e, entón, xorde una pregunta reflexa, E nós que?
Que éxitos temos que celebrar en Galicia, malia ser trala derrota, que nivel de radicalidade e verdade que camiña aplicamos a nosa vida? Incluso no meu caso persoal me pregunto se conseguimos os nosos obxectivos nestes 9 anos de Coperactiva Cultutral.
De que sirveu apostar por concellos aparentemente progresistas e erguer artefactos culturais que nunca pasan do voluntarismo e incompletude e o discurso cultural por mor da incompetencia calculada e interesada da administración do bipartito?
Acaso podemos empezar una fonda transformación da realidade galega a partir de intervencións cultural a medio prazo tal e como pensabamos aló polo 99?
Que movementos sociais están hoxe traballando pola radical construción dun mundo alleo ao capitalismo que tan ben lle fai á humanidade?
Preguntas que me xorden ao escoitar a Marcos e a todos os ponentes que durante 4 días levantaron campos de batalla e escenarios de amor revolucionario.
4 días que cambiaran o mundo, empezando polo meu persoal.
4 días que serviron á poesía do cosmos, ao socialismo creativo e radical, á democracia mundial ingresada na “uci” do políticamente correcto. 4 días que serviron ao camiñar dos pobos indios polos corredores da historia. 4 días que son 25 anos, 15 anos, 13 anos e posiblemente o resto da miña vida.
Ou para que nunca máis exista o vostedes.
|