|
CRÓNICA 6 DE IVÁN PRADO DESDE CHIAPAS
Cerros sagrados e resistencias subterráneas
Onte foi un día realmente distinto e máxico para nós, máxico con toda seguridade, porque da man dun home extraordinario, fillo dun lexendario loitador polos dereitos dos indios (como a súa mai) que na época de Lázaro Cárdenas, entrenou aos futuros combatientes do revolucionario barco cubano Gramma, planeou co xeneral Sandino o levantamento armado en América Latina e fuxiu moitas veces da balacera dos terratenentes grazas a unha burra nerviosa que a golpe de brinco practicamente o converteu en intocable.
Pois co fillo desta lenda social de Chiapas fomos ao corazón do mundo maia, participando nunha ceremonia antiquísima e sincrética nun pobo tzotzil cercano a San Cristóbal; nela durante todo o día os homes, nenos e anciáns da vila entréganse á persecución dun touro de metate, que simboliza ao poder salvaxe da natureza e que se vencella aos nahuatls, animales de poder que protexen aos pobos orixinarios destas terras.
Segundo o noso guía, esta cosmovisión, esta confianza na terra, nos nahuatl que poboan os cerros, nos lugares de poder e maxia son parte fundamental do sistema de crenzas zapatistas que lles permiten manter una guerra de baixa intensidade con un dos exércitos mellor armados de América Latina, ao tempo que protexen estes vales de riqueza cultural interminable onde os propios indíxenas deciden como aplicar o cristianismo, e conviven obispados con sistemas antergos de dirección espiritual e curandeiría vencellada á mai terra.
“Non saquen fotos porque irán presos para a casa ejidal”, esta foi a advertencia que ao inicio da noite nos facían as xentes nas casas que nos acollían e nos regalaban chocolate. Ser os únicos estranxeiros e güeritos do lugar era una honra inmensa, pero incomparable a cando botei a correr entre esa marea humana e os propios indios me ensinaban por onde tiña que ir, me falaban, rían cos meus xogos de clown e de maxia, quizáis o momento culmen foi cando en metade da ceremonia, o consello de autoridades que levaban toda a noite bailando e bebendo posh pedíronme que me achegara a eles para facerlles xogos de maxia, panos que desaparecían na miña man e saían de novo dos sombreiros ceremoniais, moedas que se multiplicaban, non lles facían tanta gracia como cando eu facía estralar maxicamente as súas narices ou orellas.
Cando a ceremonia chegou ao fin chamáronnos a Xavi mais a min para que tirásemos con eles das cordas que axudan a desmembrar o touro de metate que logo sería sacrificado cun coitelo de mentira e co que lle sacarían o sangue sagrado que nos darían a beber dentro dunha xícara: posh sagrado con especias que simulaban a sangue do touro que verdadeiramente mataran a mañá. As mulleres botaran todo o día cociñando para que a esa hora da madrugada toda a xente puidera almorzar.
Fomos acollidos con cariño, risas e moito respeto, deixáronnos entrar nas súas capelas convertidas en altares mayas onde nin os cregos da diócese podían entrar, nos tocaron a súa música e nos deron da súa comida, pero sobre todo nos ensinaron o valor cultural tan importante que o EZLN está a defender cos seus fusís e as súas palabras.
Os zapatistas non soamente están a imaxinar novos mundos dende abaixo e á esquerda, senón que están a protexer formas de vida e códigos de relación que son fundamentais para a biodiversisade mundial e a construcción doutra humanidade, e grazas a 13 anos de acompañar esta revolta digna, nós somos observadores solidarios e activos deste proceso que sen lugar a dúbidas é a primeira revolución do século 21.
Pd. fotográfica: desta crónica non hai fotos, porque aínda que non nos levaran presos non quixemos inmortalizar con imaxes algo que é eterno a través do corpo.
|