SÉTIMA CRÓNICA DE IVÁN PRADO DESDE CHIAPAS
Traballar con rapaces e rapazas de 12 anos en territorio zapatista non ten nada que ver con facelo na Galicia post-Fraga. Se nos Campactiva -colonias para rapazada sen recursos económicos nin sociais que facemos en Coperactiva Cultural- os conflitos nacián por se fumaban “maría” ás agochadas, aquí o maior problema é se teñen pena (vergoña) de facer clown. Nós, aló, tiñamos que vixiar que na noite non andivesen a escapar dos cuartos. Aquí eles e elas encárganse de erguerse en turnos dunha hora para ir facer garda a un lugar oscuro e frío do caracol por se atacan os paramilitares.
Esta noite unha chuvia interminable ameaza con sacarnos a todos de aquí flotando. Mentres a maioría descansa, tres rapazas de entre 10 e 12 anos están nun refuxio minúsculo ao pé dun outeiro facendo garda. Así é esta loita, igualitaria e fodidamente real. Aquí non hai escenarios de cartón pedra nin personaxes da grande pantalla. Todo o que vemos é real como o vento que nos está a deixar as cousas de teatro e a alma empapada. Tan real como o Candelario -10 anos- de pouco máis dun metro subido nuns zancos do mesmo tamaño ca el -por certo, non nos sorprendeu velo cun machete, na madrugada, facendo o relevo masculino da garda-, ou como os fusiles de madeira que nestes días proliferan no caracol.
A secundaria zapatista, posiblemente chea de deficiencias e dalgún que outro desaxuste é un modelo realmente alternativo de educación. Os formadores son indíxenas, os coordinadores tamén. As materias saen duna mestura entre leccións revolucionarias e sistemas importados dos pedagogos da UNAM, e durante tres anos seméntase luz e ganas de loitar pola dignidade de pequenos e pequenas que ao seu regreso á comunidade esparcirán coñecemento e realidade, unha nova realidade.
Asi se constrúe esta revolta desde abaixo e á esquerda, por iso non importa que non deixe de chover ou que faga frío. Eses rapazes e rapazas están facendo garda dun futuro mellor.
|