|
OITAVA CRÓNICA DE IVÁN PRADO DESDE CHIAPAS
Son as 12 da noite. Estamos físicamente derrotados e levamos 18 horas de actividade ininterrompida, fin de festa, peche de campamento, mostra final…, chamémoslle como lle chamemos foi esgotador, pero, iso si, máis gratificante imposible.
37 pallasos e pallasas, case a metade dos estudantes deste centro -a meirande parte non chega a metro e medio- nin ten máis de 12 anos. Incombustibles, inasequibles al desaliento, temos varios malabaristas con pelotas, catro de aros, tres de diábolos, un de mazas, 2 acróbatas e un zancudo. Unha chea de futuros actores e actrices, tres pallasos en potencia e tres en camiño, mulleres de momento só no eido teatral, pero iso só de momento, porque as novas sementes veñen con forza.
Abrazos, cancións, noite do terror como nun campamento de verán -a diferencia é que aquí os que marcan a hora de remate non son os directores da instalación senón os milicianos responsables da seguridade- e, sobre todo, unha gala final onde toda esta marabunta actuou que nin o Circ du soleil ese. Alí había de todo como en botica: nervios, risas, présas de última hora ¿como serán as de primeira hora? Mais, finalmente, todo saiu rematadamente ben, aplausos a esgalla, moita alegría e ganas de seguir traballando pola revolución desde a risa e a pallasada. Non sei como sería o camiñar da Barraca de García Lorca, pero aquí sentímonos como nunha grande comuna que coa risa e a arte axuda a construir pontes de futuro.
Camiñando a vereda dos homes e mulleres do millo, abrazando a súa palabra e a súa loita, sinto que a vida se abre ao eterno accionar do amor. Péndulo e rizoma.
Vendo a estos pobos loitar a vida e a resistencia, véndoos platicar sentados na terra ou correr detrás dunha pelota, véndolles montar guardia á porta dos seus caracoles, gritar aos tanques do exército do mal goberno e bailar nas súas festas rebeldes, camiñar coa mirada do corazón esta revolución que pon corpo e palabra en cada acto e en cada bala éncheme o morral de luz plena.
Elas coas súas roupas cuidadas e as súas chiquitas manos, eles cos seus cortes de pelo a navalla e os seus traballados torsos, elas co seu paso digno e a súa risa clandestina, eles coa súa palabra firme e os seus pícaros ollos, desde 12 a 90 anos, altos ou chaparros, choles ou tzeltales encerran unha libertade agreste nas súas formas e nos seus silencios, avanzan preguntando, aprenden aprendendo a vida e o outro coma se fose propio na distancia, escoitan desde dentro aquelo que resoa e brilla ao seu redor.
Marchamos para Joljá a impartir catro dias máis de formación e a atoparnos cos primeiros pallasos en rebeldía indíxenas zapatistas, os Letrineitors, que naceron despois de 3 anos de traballos conxuntos en abril do 2008.
O corazón non me cabe no peito. Din que o entusiasmo non chega para cambiar o mundo, pero axuda que non vexas.
|