NOVENA CRÓNICA DE IVÁN PRADO DESDE CHIAPAS
De sombras e reflexos
A resistencia é moi dura.
Gustaríame facer un pequeno dicionario de palabras urxentes con tenrura. Urxentes, porque é agora e aquí, no intre en que a vida se reflicte sobre manto de sufrimento e beleza e as palabras erguen o voo sen filtros intelectuais nin listas de espera. Con tenura, porque o que acontece nesta revolución silenciosa -e xa non tan clandestina- só pode ser apreciado se lle aplicas un canon de amor a cada instante.
RESISTENCIA: Constrúese cada día, cada día que pasa facendo gardas ou aprendendo álxebra entre catro paredes de bloque sen pintar. A resistencia ten que ver coas gañas de vivir -sen lugar a dúbidas, sen elas seria imposible-, pero diso falaremos máis adiante. A resistencia non ten forma de marea que cambia coas lúas e os mares; tampouco é filla da casualidade nin lle debe nada á fame, é máis ben unha quimérica forma de sentir o latido da xustiza nas veas propias e nas estrañas.
FORMADORES E FORMADORAS: xente que camiña sendeiros de dignidade e valentía coas roupaxes da entrega e a fraternidade, xente pola que sinto fonda admiración e certa envexa. Non teñen materiais nin máis instalacions que chozas de guano e madeira. E, porén, nesa carestía reside unha riqueza que non cotiza nas bolsas de Nova Iorque nin puntúa para o sistema funcionarial. Ten máis a ver coa bolsa sen fin de risas e de rebeldía que portan como bandeira.
ENTREGA: Mistura de curiosidade, confianza na humanidade e necesidade de ser por riba da de ter. Horas de comer paciencia e medo a partes iguais, facer o que hai que facer cando toca facelo: se se pode, pódese. Ese é o lema.
DOR: Fala de nenos e de nenas non queridos na súa familia, de mulleres violadas, de pobos arrasados. Trátase dunha pregunta que queima por dentro con rabia e ácido: “para que?” Nestas terras respóndese cun “nin modos para loitar, pois”.
RESPECTO: Aquí hónrase os anciáns e os os nenos son tratados como iguais. Aló, os nenos son elevados á categoría de emperadores minusválidos e os anciáns son arquivados na sección de fóra de temporada. Aquí respéctase a palabra dada e convértese en verdadeira ao camiñala. Aló, as palabras que non leve o vento é porque pesan coma lousas mortuorias ou péchannas baixo os grillóns do politicamente correcto. Acó fálase de democracia cando avanza o colectivo sen que a persoa fique atrás. Aló érguense museos de cera ao sufraxio universal, maiorías que dictatorean so bandeiras de rendibilidade.
RISA: Dise de cando todo pasa sen que nada pase e o corazón prende tan forte que ata os mísiles cambian a súa traxectoria. Serve de antídoto contra o terror de estado e o estado de terror que impón o mercado. Non hai ouro que a pague, por iso é gratuíta... e misturada con rebeldía convértese en artefacto aquí, en Chiapas, capaz de imaxinar un mundo novo. Un onde caben todas as risas.
EZLN: entuziastas da zimpatía que libera nazións.
|