|
CRÓNICA 6, CANDO O TECLADO QUEDA PEQUENO, 1.ª PARTE
Con ocasión da publicación do libro Primeiro Coloquio Internacional in Memoriam Andrés Aubry... Planeta Terra: movementos antisistema... na universidade da terra de San Cristóbal, historiadoras, politólogos, sociólogas, filósofos -todos e todas as militantes da esquerda de abaixo que levan décadas traballando por un mundo onde caiban moitos mundos, dende as universidades e outros espazos de análise como revistas de pensamento político e centros de estudios e acción acompañando, ás veces entendendo e sempre intentando aprender das comunidades indíxenas de todo o mundo (Chiapas, Ecuador, Paraguai, Túnez, Nova Zelandia,...) e outros movementos antisistema- reuníronse con centos de loitadores sociais de varios continentes e comunidades indíxenas, esencialmente chiapanecas, para repensar o momento histórico e, polo tanto, para reinventar as nosas esperanzas ante a mundialización da inxustiza capitalista.
Homes e mulleres como Mercedes Olivera, Gustavo Esteva, Jerôme Baschet, Paulina Fernández, Corinne Kumar, Sergio, Bárbara Zamora, Catherine Walsh, Javier Sicilia, Pablo González Casanova, Luis Villoro, Sergio Rodríguez, Sylvia Marcos, Walter Mignolo, Arturo Anguiano, Fernanda Navarro, Teodor Shanin e Jean Robert deixaron a súa palabra e o seu alento de loita a xeito de exemplo, non do seu saber e os seus saberes (por certo enormes) senón das capacidades do ser humano para construír soños e verdades que embelezan a vida.
Entre as bancadas, un de Lugo (por certo non había máis galegos e, lamentablemente, tampouco máis galegas) emocionado, exultante (a saber que significa este palabro), removido por dentro, sen palabras a maioría das veces e sen medo ao futuro case sempre. Como temer ao futuro se o presente de guerras, crise, desigualdades... aínda non rematou coa capacidade da esquerda social, emocional, visceral, racional, espiritual, das diferentes familias-corrientes-estilos, para recoñecer e renomear o mundo e os seus camiños?
Como dixo un tal Capitan Jadoc no facebuke (parece ser que tamén é de Lugo, do barrio da Residencia)... "non importa cantas veces caias senón o número de veces que te levantes, non te preocupes polo lugar onde esteas senón cara a onde camiñas ".
Somos vento e, se estamos xuntas, somos furacán (Amparanoia dixit)
|