Paxinas Amigas
inicio
Galego
Castellano
 
crónicas --> Chiapas 2010
Chiapas
  <-voltar

CRÓNICA 6 OU DE URINARIOS QUE FALAN‏ - 2.ª PARTE

Non cito a ninguén porque a todos cito.

Ensaio e erro ou algo así, ensaio ou crónica ou ida de perola ou...

Vou tomar café. Fágoo unhas 8 veces por sesión do seminario; polo café, pero sobre todo polos compas que nolo regalan xunto con boliños. É a bomba: non cobran o seminario, montan todo e enriba regálannos boliños e café. Jajajaja! Isto é Chiapas. Total, que a paso mexando e facendo chistes na cafetaría monocafeínica.
Mentres espero a afundir o meu boliño no café, ese vólvese e descubro que ten ollos e boca, tipo debuxos animados polacos feitos de pasta de modelar:
− Oe, o meu cuate, que ti me vas a manduquear, pero mentres escoita a miña tese titulada: A nova prisión, a pena e a estepa, e de subtítulo o medo fillo do control ou estanques de auga chapoteada, ¿que che parece?−
− Ben, xa empezamos − dígome eu. Un pelicano e agora o boliño, será que se me sobe a cafeína a falta de viño ou cervexa nos dous últimos meses? Nin lle contesto; afúndoo no café e pa dentro. Entón pasa o irremediable. Teño a voz metida dentro, é máis, móveseme no estómago mentres escoito:
− Pastorear o medo e as barras de pan, como metáfora do control e a dependencia; se xa non facemos o bolo de pan coas nosas mans nin temos a liberdade de dar forma ao que producimos, entón: que nos queda senón esperar a que chegue o panadeiro oficial á nosa porta?
− Ui, ui, ui... − dígome− se empezamos coas metáforas "barriguiles" onde vou rematar? Mellor tomo todo o café a ver se o afogo; pero no mesmo momento que levanto o vaso o café adopta a forma dunha cara que sorrí e que empeza:
− Pero non diga nada, que os que pastorean non saben que o trigo ule diferente antes da recollida e os que fiscalizan o noso desexo descoñecen a calor que vibra nun abrazo en metade da tundra da globalización. Os que intentan gobernar a nova prisión chamada Sistema Mundo non intúen o poder nuclear que asiches á moral, a forza creadora que participa da dignidade humana, a sanación global que encerra a ética do comunitario.

Ben, era o que me faltaba, agora un café hippy. Déixoo de volta no mostrador e vou correndo á latrina a ver se nun exercicio de intestinal me libro das novas voces gastronómicas.

Sento na cunca e é o papel hixiénico que segue coa charla. Total que me relaxo e me rendo ante tan perversa persecución:

− Cando a razón por si soa demóstrase incapaz de levar ata a felicidade global, só nos queda a conciencia múltiple do pracer. Ou non? -pregúntame.
− Mira, colega −dígolle así para intimidar- eu xa non sei se estou para conciencia ou para bacallao á grella, pero pracer, pracer... − e fago o uso normal que un debe facer do devandito elemento hixiénico, pero ao tirar da cadea escoito á auga dicirme:
− Todo vive, todo ten corazón e o todo réxese por leis superiores ao mercado e ao estado, para qué seguir cargando mochilas cheas de medos e exigenciasssssss...

− Mira, rematou, se un anaco de pan pode facer unha tese eu tamén − bérrolle ao baño, ao señor que me cruzo ao saír do wc e ao vaso de café que me espera aínda no mostrador. − A miña tese-achega-relatorio é bastante sintáctica, sintética, cotáctica e sinética. 4 palabras: O CAPITALISMO NON SERVE

PD: Off micro ou de cando charlamos nos urinarios: transformar a solidariedad en fraternidade, deixar de apoiar para empezar a compartir, de ser un nós-eles para conformar un nosoutras múltiple, quizais sexa a alternativa que máis gusto me dá.

ZAPATISMO OU GRIPE

LOKONUK, un boliño, un anaco de papel hixiénico, a cisterna e o vaso.
San Cristóbal de las Casas, 2 de xaneiro de 2010

 


contacto: 981 58 28 36 :: pallasosenrebeldia@republicaclown.org