Caravana de Pallasos pola paz a Palestina 2002
O venres 26 de xullo de 2002, ás 9:30 h partía desde Barcelona cara a Tel-Aviv a Caravana de Pallasos pola Paz, para despois trasladarse a Xerusalén e iniciar alí esta misión organizada por Pallasos sen Fronteiras e Financiada polo Fondo Solidario da terceira edición do Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galicia). Ambas uniron esforzos para organizar esta viaxe que levou sorrisos ós territorios ocupados en Palestina, nos que a poboación civil, e máis aínda a infancia e a adolescencia, vese afectada pola destrución e a violencia que xera odio en xeracións futuras, por iso é importante e necesario facer un esforzo por mellorar a situación psicolóxica das poboacións que son víctimas da destrucción, empregando a risa como recurso terapéutico, mediante espectáculos e talleres socioeducativos.
Unha vez máis, a risa comprometida e solidaria levaba a cabo unha acción a favor dos máis desfavorecidos, intervindo a prol da solidariedade e a xustiza no mundo.
A Caravana de Pallasos pola Paz a Palestina financiada polo Festival Internacional de Clown de Galicia permaneceu nos territorios ocupados dezaseis días nos que se realizaron unha media de 25 intervencións teatrais.
O propio director do Festiclown, Iván Prado, foi membro integrante desa misión, acompañando polos pallasos internacionais Jöns Papilla (Suecia) e Mikio Tsunekawa (Chile). Xuntos transitaron os camiños da solidariedade internacional. Mediante actuacións e talleres, durante uns días regaláronlles miles de ilusións e de esperanzas ós nenos e nenas palestinas dos campamentos de refuxiados de Ramallah, Xerusalén, Hebrón, Gaza y Khan Younis.
En todos estes días que estiveron en Palestina os momentos artísticos, emotivos, de conflito... sucedéronse sen cesar, pero no día a día do holocausto repetíanse escenas como as dos nenos (madurados pola guerra) agradecidos. Os membros da Caravana viviron a emotividade das mulleres, dos nenos/as e dos anciáns/ás que agradecían constantemente a chegada de axuda humanitaria e de iniciativas destas características, nos seus rostros debuxábanse sorrisos, incluso naqueles que estaban xordos e as nai exultantes de alegría por ver como sorrían os seus fillos despois de tanto tempo. Por outra parte, tamén estaban irremediablemente as traxedias nos Check Points, a tensión acumulada ante a posibilidade de novos atentados...
Pero foi esa emotividade da poboación civil a que mantivo viva a marcha desta Caravana e a ilusión dos seus integrantes. A pesar de sufrir incluso malos tratos como o día que intentaban saír de Hebrón despois da función, viviron momentos para a esperanza en Kubak e Hebrón o martes 30 de Xullo de 2002, día da resposta violenta ó sanguinario facer do novo Hitler do Século XXI, Ariel Sharon, no que actuaron nas barricadas de Hebrón, cidade cercada e baixo o toque de queda, polo que os nenos do centro da Media Lúa Vermella tiveron que saír ás escondidas ou facer camiñadas de varios quilómetros para poder gozar das actuacións nun campamento de paz, no que evadirse uns momentos desta guerra de canóns e de pedra.
Intervencións como esta, amosan como os pallasos non só serven para facer rir, senón que traballan en contra da guerra e das inxustizas.