Arranca a I Caravana de pallas@s indíxenas zapatistas
oberto Barrios. Caracol V que fala para tod@s, altofalante da rebeldía en pleno corazón da Selva Lacandona e, nestes momentos, o territorio autónomo zapatista un dos máis hostigados de Chiapas (México). Nun enclave de beleza e riqueza natural sen igual, homes e mulleres do millo resisten á agresión permanente que as forzas armadas federais e grupos paramilitares -financiados pola oligarquía- veñen exercendo sobre centos de familias zapatistas e non zapatistas. A Junta de Buen Gobierno nova semente que vai producir denuncia “o mal goberno nos quere seguir descoñecendo e despoxando do noso dereito como pobos indíxenas a vivir e desfrutar do que a nosa nai terra nos da...Esta resistencia é porque a luz e a terra pertencen cabal aos pobos de México, non son para o enriquecemento duns poucos, como sucedeu cos malos gobernos que extraen a riqueza dos nosos territorios e logo nola queren cobrar como se fora deles. Estas riquezas non son para que os malos políticos vivan delas como ricos ou as regalen a empresas capitalistas e transnacionais” .
Presións, ameazas, invasións, roubos, desaparicións, vexacións, enfrontamentos, expropiacións, morte... alimento para unha política do medo e a usurpación coa que o goberno mexicano pretende desdebuxar a loita pola dignidade que camiña. Mais pola contra, día tras día, coas mans tinxidas coa color da terra, homes e mulleres zapatistas fan exercicio da súa autonomía resistindo ante unha tecnoloxía militar que pretende instaurar a “forza” do capital. “Aínda que lles pese ao mal goberno e aos ricos que detrás del mandan agochándose, estamos organizados na autonomía e lles seguimos dicindo “ya basta”. As súas palabras só son aire, palabras que queren confundir” Por vez primeira, a JBG do V Caracol, facilita unha relación ampliamente detallada, sobre os conflitos ocasionados pola instauración dun proxecto ecoturístico sobre o río Bascán, así como os causados pola Comisión Federal de Electricidade, os cobros de impostos sobre a terra e a aplicación forzosa do Procede (plan gubernamental que disfraza o cobro do predial) en varios municipios autónomos.
Neste contexto de máxima hostilidade e violencia, xéstase a V Caravana de Pallas@s en Rebeldía que, dende Galicia e co apoio incondicional de Coperactiva Cultural e o Festiclown, parte con tres galegos armados de narices vermellos para entregarse, unha vez máis, á fraternidade humana que derriba fronteiras en nome da dignidade. Do outro lado do océano, agardan un grupo de compañeiros en resistencia para facer realidade o soño da primeira compañía de pallasos zapatistas. Como fito histórico, estes homes – historia darán corpo e color á primeira xira de pallasos indíxenas chegando ás comunidades autónomas máis afastadas e tamén máis deostadas. Logo de doce anos de acompañamento a esta revolución pola xustiza, democracia e liberdade, o clown, o circo e a maxia atopan o seu lugar como ferramentas de loita pedagóxica. 12 anos vindo, 14 viaxes ás costas, máis de 12 meses de estancias e, desta vez, en tempo zapatista, a utopía atopa lugar para facernos promotores e promotoras desta nova andaina dentro da revolución indíxena chiapaneca, a do camiño do riso como estrondo de sanación e liberación. No berce dun movemento que, dende xaneiro de 1994, mantén en alza a bandeira da rebeldía mundial para reclamar unha forma de organización autónoma indíxena, nace o berro sonoro de centos de risos que, coa cura da gargallada, suman a súa rebeldía á loita por un mundo onde caiban todos os mundos.
Xabi, Iván, Illanes e, poñamos, Nico, Pedro, Antonio e Manuel convértense, nesta ocasión, en terroristas lúdicos que, portando o riso e a maxia como armas de destrución contra o capitalismo e a barbarie, trazan liña de rota por comunidades perdidas no seo da Selva Lacandona. Durante dúas semanas, esta irmandade de rebeldes indíxenas e internacionais actuarán para un público que “vivindo nunha realidade machacada polas multinacionais, non coñece o mar pero si a explotación do capital e dos seus servos, os gobernantes. Xente que ten tanta palabra xusta no seu silenzo, tanta inxustiza sen resolver nas súas vidas que, aínda que non erguen máis de metro e medio do chan, aparecen ante os nosos ollos como auténticos xigantes”
14 de abril. Día para os nacementos e as liberacións. No estado español como en Chiapas, día para a revolución.
|