Risactiva achega a Lanzarote maxia, clown e solidariedade
Cun festival que se celebrará durantea primeira fin de semana de abril, a organización Pallasos en Rebeldía e Coperactiva Cultural poñen en marcha na illa canaria, xunto co concello de Haría, o motor da gargallada e a maxia. Formación, participación cidadá e a solidariedade con Chiapas marcarán a primeira edición deste encontro a celebrar no próximo mes de abril.
O apartado formativo do Risactiva estará composto por tres cursos. O primeiro deles, “Inicición ao clown, a esencia” impartirao o director do festiclown Iván Prado, mentres que un de maxia correrá a cargo do mago Miguelillo e o canario Alexander ofrecerá coñecementos sobre risoterapia. Para poder apuntarse nos ditos cursos non tés máis que seguir as instrucións que aparecen máis abaixo.
Pola súa banda, unha parte de entretemento e espectáculo contribuirá tamén a que o concello de Haría, en Lanzarote, goce dunha completa fin de semana de diversión. Así, os Sete Maginíficos + 1 cos seus espectáculos “A saúde é o primeiro” e “O gordo e o calvo” e o mago Miguelillo con “Instantes Imaginarios” serán os encargados de enganchar e facer rir ao público lanzaroteño.
O total recadado da venda de entradas e das inscricións dos cursos de formación destinarase á organización Pallasos en Rebeldía, que realizará una acción solidaria en Chiapas (México), ao igual que acontece con outras citas coma o Festiclown ou o Magiclown.
Tamén se celebrará un maraclown ou espectáculo colectivo no que os alumnos e alumnas poderán pór en práctica o que aprenderon durante os cursos. Ao igual que acontece co apartado formativo e coas actuacións, o recadado tamén irá parar á acción solidaria que Pallasos en Rebeldía desenvolverá próximamente en Chiapas.
Con isto, Risactiva convertirá a illa de Lanzarote no paraíso do riso comprometido, a maxia e o clown durante os días 4, 5 e 6 do próximo mes de abril. Ademais, o festival pretende ser unha lanzadeira que permita rir para abrazar o futuro nun mundo no que caiban todos os mundos.